Tuesday 23 de April de 2024

A Xunta recibe ofertas de 5 empresas para executar a mellora do firme na estrada autonómica AC-434 en Laxe, cun investimento de preto de 220.000 euros


― A actuación, cun prazo de execución de 2 meses, prevé a rehabilitación do firme nun treito de case 2 km de lonxitude para mellorar a seguridade

― Realizaranse fresados e reposicións do firme con mestura bituminosa en quente, ademais da renovación da sinalización horizontal

― Reporanse as marcas viarias do eixo afectadas polos traballos, ademais de todos os cebreados, e executaranse resaltos para mellorar a seguridade viaria

― O departamento que dirixe Ethel Vázquez segue traballando na mellora das estradas da Xunta co fin de proporcionarlles aos cidadáns vías máis cómodas e seguras
A Xunta recibiu un total de 5 ofertas de empresas para executar as obras de mellora do firme na estrada autonómica AC-434, ao seu paso polo concello de Laxe, que suporán un investimento de 218.700 euros.

A actuación, cun prazo de execución de 2 meses, prevé a rehabilitación do firme nun treito da AC-434 de preto de 2 km de lonxitude, comprendido entre os puntos quilométricos 0 e 1+920. O obxectivo é mellorar a seguridade e incrementar a comodidade dos usuarios desta vía autonómica.

Realizaranse fresados localizados nos treitos de actuación e reposicións con mestura bituminosa en quente. Ademais, renovarase a sinalización horizontal.

Tamén se reporán as marcas viarias do eixo afectadas polos traballos e todos os cebreados e sinalización. Tamén se pintará o bordo e dotarase de resaltos para mellorar a seguridade viaria.
O departamento que dirixe Ethel Vázquez continúa traballando na mellora da rede viaria autonómica co fin de proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas cómodas e seguras.